lunes, 1 de diciembre de 2014

REFLEXIÓN INDIVIDUAL MÓDULO 3






Neste módulo analizáronse as ferramentas e procedementos que poñemos en práctica na nosa actividade como orientadores laborais. A continuación fago unha reflexión sobre os contidos destes seis últimos temas.

TEMA 11. INTERMEDIACIÓN LABORAL

Existen diversos modelos de intervención en orientación laboral (didáctico, de asesoramento e centrado nos recursos) pero non deben utilizarse como marcos ríxidos senón que deben adecuarse aos colectivos a atender e funcionar como guías flexibles e complementarias segundo o momento en que fagamos a intervención orientadora.

A metodoloxía de intervención ten na entrevista a técnica básica de atención individualizada cunha estratexia baseada nos recursos do usuario e nos itinerarios, é dicir, desenvolver un plan de emprego personalizado para mellorar as competencias laborais.

As actuacións cos usuarios serán individualizadas e permitirán acordar con eles o desenvolvemento do itinerario de inserción profesional aínda que o orientador pode estimar conveniente accións grupales para traballar aspectos concretos dentro do proceso de intervención como talleres de recursos persoais (habilidades sociais, motivación, etc.) ou talleres de busca de emprego.

Mención á parte merecen os colectivos vulnerables. A intervención en orientación laboral nestes casos presenta factores negativos que afectan á súa integración sociolaboral; uns de tipo social como prexuízos, prácticas discriminatorias, etc. e outros derivados das características das propias persoas como a falta de formación, descoñecemento do mercado de traballo, etc.

As actuacións nas persoas discapacitadas supón unha problemática específica derivada dunha marcada dependencia do ámbito familiar, falta de asesoramento ás familias e baixa autoestima, sendo necesaria a intervención de servizos de orientación laboral específicos xa que, na maior parte das veces, non nos encontramos capacitados para a intervención neste tipo de colectivos.

Favorecer o acceso ao emprego destes grupos máis vulnerables é un camiño necesario para que poidan alcanzar unha integración social plena.


TEMA 12. ITINERARIOS DE INSERCIÓN

Os itinerarios de inserción laboral se ben son concibidos inicialmente para a inserción sociolaboral dos colectivos con maiores dificultades, cada vez máis teñen a súa aplicación á poboación en xeral e isto é debido ás características cambiantes do mercado de traballo e a que os cambios de traballo serán máis frecuentes, mesmo de traxectoria profesional.

Constitúe un proceso personalizado no cal a persoa adquire coñecementos e habilidades, descobre as súas posibilidades e capacidades e se ve fortalecida para afrontar a súa inserción no mercado de traballo e cuxa característica principal é a súa flexibilidade para abranguer a maior parte das necesidades que se poidan presentar e a capacidade de adaptación a un ámbito cambiante.

Os itinerarios constan de fases (acollida, diagnóstico, compromiso e seguimento) para o desenvolvemento de contidos definidos; nestas fases determinaremos as características persoais, as actitudes e aptitudes, as carencias formativas e competenciais en relación co obxectivo profesional que debe de ser realista á vez que consensuadamente fixaremos obxectivos intermedios e, no seu caso, a necesidade de práctica laboral ou formación complementaria.

É preciso preparar a persoa para un proceso de cambio que é lento e que require unha gran dose de reflexión sobre as súas necesidades, desexos, posibilidades e limitacións e polo tanto un grande autocoñecemento e compromiso para alcanzar a inserción laboral.


TEMA 13. PROCESOS INDIVIDUAIS DE ORIENTACIÓN E AXUDA NA TOMA DE DECISIÓNS

Na entrevista de orientación laboral recompilaremos dous grandes bloques de información, a relacionada coas competencias profesionais ( formación recibida, experiencia adquirida, habilidades, etc.) e a relacionada máis directamente coas características personais (grao de autonomía, dispoñibilidade, autoestima, situación sociofamiliar, etc.). A partir desta información valoraremos cal é a posición que a persoa ocupa en relación co emprego e cales son os aspectos sobre os que hai que incidir na construción do seu itinerario polo que o clima de comunicación e confianza será un factor decisivo que motivará a persoa a continuar o proceso e á vez que permitirá que a información recollida sexa máis completa para o establecemento do diagnóstico de empregabilidade. A nosa misión principal será a escoita activa e as preguntas serán abertas, as formulacións positivas e a nosa actitude próxima mostrando empatía.

O diagnóstico inicial de empregabilidade é o punto de partida para o establecemento de futuras actuacións pero non finaliza ao concluír a entrevista senón que é necesario un proceso de estudo e análise posterior tendo en conta todos os aspectos traballados na entrevista.

A entrevista ocupacional ou primeira entrevista persoal é xa unha actividade de orientación que incita á reflexión e que pode promover pequenas transformacións, polo menos no autocoñecemento e a percepción que se ten dun mesmo.


TEMA 14. ANÁLISE DE PERFÍS PROFESIONAIS E PROSPECCIÓN DE EMPREGO

O coñecemento dos postos de traballo é unha tarefa fundamental tanto para o orientador laboral coma para o usuario polo que deberemos fomentar o papel activo deste na busca de información que lle posibilitará o coñecemento das esixencias das empresas para un posto de traballo determinado. Guiarémolo na busca a través de recursos como ofertas laborais, certificados profesionais, fichas profesionais, contactos con profesionais do seu perfil, etc.

Na busca desta información o usuario non debe só quedarse cos requisitos da oferta senón que debe afondar nas competencias do posto de traballo (a súa análise funcional) establecendo os coñecementos, capacidades, habilidades de cada unha das tarefas e funcións a desenvolver no posto de traballo.

A prospección empresarial é unha ferramenta básica para conseguir a inserción laboral dos colectivos en risco de exclusión social e debe estar conectada co coñecemento e descrición dos perfís profesionais específicos destes colectivos. Permite detectar as necesidades das empresas á vez que o prospector dá a coñecer as posibilidades e beneficios que poden recibir a través dos programas e plans formativos, subvencións, axudas, etc.

Este labor de prospección é levado a cabo nunha serie de fases consecutivas que permiten en primeiro lugar identificar os perfís profesionais do colectivo demandante de emprego e os ámbitos de actuación empresarial (xeográfico, ocupacional, funcional e temporal ). Nunha segunda fase identificásense as empresas obxecto da prospección, a continuación haberá unha fase de traballo de campo na cal se establecerá o contacto coas empresas e se concretará o programa de inserción segundo as necesidades e carencias observadas e unha última fase de avaliación e seguimento dos datos recollidos e das actuacións desenvolvidas, xa sexa das prácticas laborais ou da adecuación dos traballadores incorporados á empresa.

TEMA 15. TÉCNICAS E FERRRAMENTAS PARA O ACCESO AO EMPREGO E O AUTOEMPREGO


O orientador laboral debe instruír o usuario no uso das técnicas e ferramentas de acceso ao emprego así como preparalo para afrontar os procesos de selección de maneira que poida afrontalos con maiores posibilidades de éxito.

Para conseguir a inserción laboral o usuario debe coñecer as canles de circulación das ofertas de traballo, identificar cales son os máis apropiados de acordo ao seu perfil profesional e situación persoal xa que unha busca indiscriminada dificulta a obtención de resultados e provoca o desánimo. En moitas ocasións no noso labor de orientadores temos evidenciado o fracaso na busca de emprego encontrándonos con usuarios que se queixan de non ter conseguido nin unha soa entrevista de traballo despois de contestar a múltiples ofertas e realizar unha morea de autocandidaturas. Na elección inadecuada dos recursos onde circulan as ofertas así como a falta de seguimento das autocandidaturas pode estar a clave do fracaso.

O coñecemento dos distintos tipos de currículo (cronolóxico, por competencias, etc. ) debe abrir as posibilidades do usuario xa que o que debemos transmitir é que a finalidade do currículo é obter un contacto coa empresa, a entrevista de selección, por iso o currículo non debe estar encorsetado a un patrón preestablecido, se ben debe dotarse dunha estrutura que lle dea coherencia e adaptarse ás peculiaridades do perfil profesional, pero á vez debe reunir as características que permitan diferencialo do resto dos candidatos. Con outras ferramentas como o é a carta de presentación, o currículo debe chamar a atención do seleccionador impulsando a súa curiosidade e movéndoo para concertar a entrevista.

A entrevista de selección é un dos momentos decisivos nos procesos de selección e, polo tanto, preparar o usuario para afrontala con éxito é unha tarefa principal do orientador laboral. Non aforraremos tempo na súa preparación dando a coñecer ao usuario a súa metodoloxía, que variará segundo sexan os intereses do entrevistador (dirixida, libre ou mixta) así como os seus tipos (individual, múltiple ou de grupos) ou o enfoque utilizado ( curricular ou por competencias). Toda esta información que transmitimos ao usuario colócao nunha mellor situación para afrontar con éxito os procesos de selección. Neste vídeo móstranse os erros máis comúns na entrevista de selección


TEMA 16. ELABORAR O PLAN DE EMPRESA

O Plan de Empresa é un documento de grande utilidade para as persoas emprendedoras porque nel se resume todo o concepto de negocio e se reflicte unha serie de informacións e reflexións para a posta en marcha e funcionamento do seu proxecto empresarial así como de planificación a medio e longo prazo.

Aínda que os orientadores podemos guiar na elaboración dun plan de empresa este labor excede amplamente as nosas competencias pero si debemos orientar os emprendedores a servizos máis especializados da administración local que poidan cubrir as expectativas daqueles emprendedores que conten cun proxecto empresarial como saída á súa situación laboral.





No hay comentarios:

Publicar un comentario